A protección á infancia, a creación de contornas seguras onde poidan crecer e desenvolver os seus soños, é a base do noso traballo diario coa infancia en todos os centros maristas.
Neste Día Internacional da Infancia reiteramos o noso compromiso coa defensa dos seus dereitos, o seu empoderamento como protagonistas e a aposta pola formación e a sensibilización de toda a comunidade educativa para ser realmente contornas seguras. Un camiño no que non avanzamos sós.
Todos os colexios españois da Provincia marista Compostela teñen o recoñecemento de UNICEF como “centros referentes en educación en dereitos da infancia e cidadanía global”. Este programa recoñece aos colexios que traballan a educación desde unha óptica dos dereitos da infancia.
Os centros educativos que participan involucran a toda a comunidade educativa no traballo de catro áreas: o coñecemento e promoción dos dereitos do neno, a protección da infancia, o clima escolar, e o fomento de espazos de participación infantil dos nenos e nenas na toma de decisións dos centros educativos. Con este recoñecemento, UNICEF valora a traxectoria en defensa dos dereitos da infancia dos colexios, que se inclúan no seu proxecto educativo e programación anual e que polo menos un profesor reciba unha formación específica. O noso colexio ten actualmente o nivel II de recoñecemento.
Pola súa banda, os colexios de Portugal teñen o “Selo Protector da Infancia” que outorga a Comisión Nacional para a Promoción dos Dereitos e a Protección da Infancia e a Mocidade.
Estes recoñecementos enmárcanse no traballo diario de maristas e todos os seus centros pola protección da infancia, a defensa dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes e a promoción do seu desenvolvemento en contornas seguras.