O noso colexio culminou este sábado, 25 de maio, a semana de actividades realizadas co obxectivo de recadar fondos para a ONGD SED (Solidariedade, Educación e Desenvolvemento).
A campaña deste ano leva por lema A terra é vida, coidámola? e todo o diñeiro que se recade destinarase ao Proxecto Solidario Horizontes al futuro, un centro de atención a mozos e mozas en situación de risco.
A través da Semana SED preténdese dar a coñecer outras realidades máis duras e como, a través da colaboración e axuda entre todos, podemos mellorar a situación de moitas persoas. Desde o pasado 21 de maio os alumnos do centro, de distintas idades, participaron en diversas actividades (charlas, proxeccións, exposición “Pegada ecolóxica”, xogos…) nas que coñeceron de primeira man as carencias e necesidades dalgunhas comunidades nas que desenvolve a súa acción a ONGD Marista.
A campaña concluíu este sábado coa celebración do Bocata Solidario, unha xornada deportiva e de convivencia que se celebrou no patio do colexio e na que máis de 330 alumnos e familias interesadas puideron comer no centro educativo comprando un bocadillo como xesto de solidariedade e de achega económica á campaña. Así mesmo, ao longo de todo o día houbo distintas actividades deportivas para todos aqueles alumnos, pais, nais e profesores que desexaron participar. Tamén se abriu unha “tenda solidaria” no patio do colexio na que se podían adquirir diversos artigos para así colaborar tamén economicamente co proxecto.
Grazas á colaboración prestada outros anos conseguíronse promover distintos proxectos de desenvolvemento en varios países de África e América Latina e este ano o recaudado de seguro será un impulso importante para Horizontes al futuro.