O Colexio Marista culmina este sábado 7 de maio dúas semanas de actividades realizadas co obxectivo de recadar fondos para a ONG de desenvolvemento SED (Solidariedade, Educación e Desenvolvemento). A campaña deste ano leva por lema Escoita: Poñemos as bases, sementemos o futuro e todo o diñeiro recadado irá destinado ao Proxecto Solidario Horizontes cara ao futuro, que consiste en achegar fondos para que os estudantes de Comayagua (Honduras) poidan continuar os seus estudos de forma gratuita..
Dende o pasado 27 de abril o alumnado do centro, das distintas etapas, participou en diversas actividades (charlas, proxeccións…) nas que coñeceron de primeira man as carencias e necesidades dalgunhas comunidades nas que desenvolve a súa acción SEDE. Do mesmo xeito, máis de 300 alumnos de segundo ciclo de Educación Primaria e ESO sumáronse voluntariamente ao proxecto facéndose «patrocinadores». Mediante un carné de patrocinador que os identifica como colaboradores deste proxecto, recadaron entre as súas familias cartos para esta causa.
Retomamos despois de dous anos a celebración do BOCATA SOLIDARIO, unha xornada deportiva e de convivencia que se celebrará no patio o sábado 7 de maio e na que os alumnos e familias interesadas poderán comer no centro educativo mercando un bocata como un xesto solidario e de contribución económica á campaña. Así mesmo, ao longo do día realizaranse diferentes actividades deportivas para todos aqueles alumnos e pais e nais que desexen participar. Tamén ese día abrirase no patio do colexio unha «tenda» na que se poderán adquirir diversos artigos da ONGD SED para poder colaborar tamén economicamente co proxecto.
Grazas á colaboración prestada ao longo dos anos, impulsáronse diferentes proxectos de desenvolvemento en diversos países de África e América Latina.