O dereito a xogar foi recoñecido por primeira vez o 20 de novembro de 1959, cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos da Infancia. Trinta anos máis tarde aprobouse a Convención dos Dereitos da Infancia, que recolle o dereito ao xogo no artigo 31. Concretamente, recoñece «o dereito do neno ao descanso e á diversión, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade e a participar libremente na vida cultural e nas artes».
O xogo, as actividades lúdicas, os períodos de diversión e o desfrute deben formar parte da infancia de calquera neno ou nena, por iso, non queremos esquecer que hai moitos nenos e moitas nenas que non poden desfrutar deste dereito como deberían.
Estamos pasando un momento de crise no que moitas familias non teñen recursos para mercar xoguetes, polo que vemos importante botar unha man nisto. Seguro que moitos e moitas temos xoguetes nas nosas casas que non usamos e que outro neno ou nena farían bo uso del. Aquí comeza a Operación Xoguete 21-22!
Esta campaña levarase a cabo a semana que ven, durante os días mércores 17 e xoves 18 de novembro.
Toda a comunidade escolar pode participar o día que o desexe, pero si é importante que respecten as zonas onde se deixan os xoguetes (haberá uns carteis informativos):
No caso de Infantil, as familias entran no colexio traer aos nenos, polo que deixarán os xoguetes no céspede do patio cuberto no momento de deixar aos nenos nas filas. O resto do alumnado (EP e ESO) serán autónomos para entrar eles cos xoguetes e depositalos no céspede que lles corresponda ás súas filas.
Durante os dous días (17 e 18) o proceso será o mesmo, o alumnado que entre pola zona da cuberta antiga dispoñerá alí do espazo habilitado e os que o fagan pola cuberta nova, o mesmo.
Coma cada ano, os xoguetes deberán vir envoltos e cunha etiqueta na que se indique o nome do xoguete e a idade recomendada. Por suposto, estarán en bo estado.
E que imos facer cos xoguetes que se recollan? Entregarémolos ao Banco de Alimentos de Lugo. Esta é unha organización sen ánimo de lucro, que entrega estas doazóns a asociacións asistenciais de carácter social.
Anímate e colabora! Axúdanos a que non quede ningún neno nin ningunha nena sen xoguete este Nadal.