O noso centro ven de obter unha mención de honra no certame autonómico “O noso canto: máis voces, máis igualdade” grazas a un proxecto colectivo que implicou a todo o alumnado.
Maristas de Lugo foi distinguido cunha mención de honra na categoría musical da primeira edición do concurso escolar, unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia con motivo do 8 de marzo.
O que comezou como unha idea case casual —tras descubrir unha profesora a convocatoria na web da Consellería— acabou converténdose nun ambicioso proxecto de centro. Aos poucos, o profesorado foise implicando ata lograr a participación de todo o alumnado, desde Educación Infantil ata Secundaria.
O resultado foi a creación dun videoclip baseado nunha reinterpretación da canción O noso canto, co obxectivo de promover valores de igualdade de xénero. Cada grupo achegou o seu gran de area, tanto na gravación de voces como na elaboración das imaxes, nun proceso creativo marcado pola colaboración e o entusiasmo.
O proxecto culminou cunha gravación conxunta no patio do colexio, onde todo o alumnado participante interpretou o retrouso da canción, simbolizando a unión e o espírito colectivo que definiron a iniciativa.
A pesar das limitacións de tempo e recursos, a implicación do profesorado e a ilusión do alumnado fixeron posible sacar adiante este traballo, que reflicte o forte sentido de comunidade do centro.
Este recoñecemento cobra especial relevancia nun certame que contou coa participación de máis de 3.500 alumnos e alumnas de preto de 50 centros educativos de toda Galicia. Na categoría musical presentáronse 44 propostas, das cales só seis centros foron distinguidos.