O Equipo de Solidariedade quere ofrecernos un detalle para encher de vida esta Noiteboa: a LUZ DO SUR.
Aparentemente, é unha candea normal e corrente, pero o seu valor non está no material, senón no que pretende simbolizar: a ensinanza de que a felicidade non está no prezo das cousas, senón en valores inquebrantables como a familia, a amizade ou a cooperación.
Convidamos a toda a comunidade educativa a unirnos nun xesto común: acender a candea nun momento da nosa cea de Noite Boa recordando especialmente aos que sofren, aos que carecen do básico, a moitos países do Terceiro Mundo asolagados pola fame, a guerra…
Ademais, estas candeas teñen unha dobre fin solidaria. Foron creadas polos usuarios do Centro San Vicente de Paúl, en Lugo, un centro dedicado á atención de persoas adultas con discapacidade intelectual e física. Polo que con estas candeas colaboramos na inserción laboral dun sector da poboación cunha complicada integración no mercado laboral.
As candeas teñen un custo, pero non lles poñemos prezo. Non se venden, pois consideramos que este é un momento de compartir. Pero se este sentimento é mutuo e lles apetece colaborar, poden facer unha doazón económica totalmente voluntaria. Todo o que se reciba irá destinado á ONG SED. Recolleranse estas doazóns ata o día 10 de decembro.
Acender esta candea no noso fogar, en Noiteboa, é un xesto para educar a nosa mirada e a dos nosos, para manifestar que soñamos un mundo máis xusto.