Un ano máis, o noso centro únese á iniciativa solidaria de UNICEF coa organización da carreira solidaria Gotas de UNICEF. Esta carreira ten como obxectivo recadar fondos para proporcionar acceso a auga potable a comunidades que máis o necesitan. Durante case 50 anos, UNICEF e os seus aliados foron defensores clave na defensa dos dereitos dos nenos e nenas en todo o mundo. A falta de acceso a instalacións de auga e saneamento nos centros educativos é unha das principais causas de abandono escolar e enfermidades relacionadas coa auga.
Como centro referente de UNICEF, o noso cole organizou un ambicioso proxecto escolar para concienciar ao alumnado sobre esta problemática. Este proxecto incluíu diversas actividades e sesións de tutoría que culminaron coa celebración da carreira solidaria na muralla o Día Internacional da Auga. Máis de 200 estudantes de Educación Secundaria participaron na carreira, cambiando metros percorridos por gotas simbólicas que representaban o diñeiro recadado por eles mesmos entre os seus familiares e amigos.
Ademais da carreira, como novidade este ano, levouse a cabo un partido de fútbol solidario organizado por alumnado de 1º ESO, no que participaron todos aqueles alumnos e alumnas de ESO que voluntariamente quixesen unirse á causa, demostrando así o seu compromiso coa solidariedade a través do deporte. Tamén se inaugurou unha tenda solidaria con material elaborado tamén por alumnado de 1º de ESO, brindando a oportunidade de apoiar a causa adquirindo produtos únicos e feitos con amor. Ademais, como novidade en primaria, os alumnos participaron en carreiras solidarias no patio do colexio, mostrando así que a solidariedade non ten límites de idade e que todos poden contribuír a facer do mundo un lugar mellor.
Os fondos recadados serán ingresados na conta de UNICEF para mellorar as condicións de vida dos máis desfavorecidos. O evento deportivo concluíu cun festival protagonizado polo alumnado dos “tradirecreos”, quen ofreceron actuacións baseadas na cultura popular galega, mostrando así o compromiso do colexio coa solidariedade e a cultura local.