Hoxe, 19 de novembro, o noso colexio participou na Celebración do Día da Infancia no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña organizado pola Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia. O acto, que comezou ás 11:30 h, contou coa presenza de importantes autoridades, como a Conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta, a Concelleira de Benestar Social do Concello da Coruña e a presidenta da Plataforma de Organizacións de Infancia. Máis de 350 persoas, entre alumnado e público en xeral, asistiron ao evento, no que participaron sete centros educativos da provincia.
Desde o noso colexio, quixemos reflexar o dereito de nenos, nenas e adolescentes a estar protexidos fronte á violencia. Para iso, o alumnado de 2º ESO preparou o vídeo titulado “Voces contra a violencia”, no que contaron catro historias que, aínda que ficticias, reflicten situacións de violencia que lamentablemente moitos mozos e mozas experimentan na sociedade actual. Ademais, compartiron datos reais sobre estas problemáticas e reivindicaron, con forza, que ningunha forma de violencia debería ter cabida na nosa sociedade.
O acto foi unha oportunidade única para alzar a voz en defensa dos dereitos da infancia e reafirmar o noso compromiso como comunidade educativa na loita contra calquera forma de violencia ou discriminación.